Nos últimos anos produciuse un auténtico rexurdir da actividade ecuestre, ó que non é allea a nosa provincia, que pasou dun censo de cabalos moi cativo ós preto de 2.000 que hai na actualidade. Día a día aumenta a demanda de cabalos, instalacións, profesionais... e os afeccionados son máis esixentes na medida en que van estando mellor formados.
A Deputación de Ourense contribuíu á dinamización e modernización do sector, creando infraestructuras e servicios no noso concello que fai pouco non existían ou eran insuficientes para a demanda que teñen.


As actuacións que se están a levar a cabo por parte da Deputación de Ourense céntranse en tres aspectos:

1.- Fomento da cría. Construcción do centro de cría de Antela no concello de Sandiás e posta en funcionamento de iniciativas innovadoras, como o programa de cría integrado.
2.- Creación de infraestructuras.
A pista de velocidade de Antela no concello de Sandiás , xa operativa, dotada dunha bancada-grada para o público, un picadeiro cuberto, pista exterior e edificio de servicios, ademais de boxes para cabalos...
3.- Formación. Dirixida non só os xinetes, senón tamén a profesionais como técnicos en manexo, ferradores, albardeiros, etc.

ecuestre1

                                                                   Instalacións do centro ecuestre de Antela

CENTRO DE CRIA ANTELA (SANDIÁS – OURENSE)

Nos seus boxes alóxanse as eguas. Está dotado con:


- Tres naves de 26 boxes cada unha, de 350 x 350 cm., con ducha e potro de exploración.
- Almacén de 480 metros cadrados, con tres zonas separadas, para pensos, forraxe e cama.
- Nave para sementais, con 6 boxes de 400 x 400 cm.
- Pequeno picadeiro para cubricións e traballo dos sementais.
- Edificio de servicios, con oficinas, vestiarios e clínica veterinaria.
O seu obxectivo é presta-los seguintes servicios:
- Cubrición de eguas, mantemento e xestión de sementais de calidade, propios ou de propiedade privada.
- Desenvolvemento de novas tecnoloxías: Conxelación, importación, exportación e transferencia de seme e embrións.
- Asesoramento técnico para a compra de animais, xestión de explotacións, construccións....
- Realizar probas de valoración de reproductores machos e femias.


O centro debe se-la base operativa do programa de cría integrado que se está a levar a cabo. Este innovador programa está baseado nun acordo de colaboración entre os criadores da provincia e o centro, polo que este lle presta ó criador tódolos servicios que demande (cubrición de eguas, asesoramento en alimentación e programas sanitarios, subvención de seguros...), e, sobre todo, asegura a compra do poldro ó destete, por un prezo de taxación.


Iniciouse o programa con eguas de raza Puro Sangue Inglés, pola súa precocidade (compiten xa con dous anos) e as características da súa comercialización (a venda dos poldros realízase con só 18 meses), que evita a acumulación de varias poldradas, os gastos en doma e, sobre todo, permite facer unhas previsións, en canto a datas de venda, entrada dos novos poldros, etc..

ecuestre2

                                                                     Carreiras no centro ecuestre

CENTRO DE ADESTRAMENTO ANTELA (SANDIÁS – OURENSE)

Tamén situado no predio da lagoa de Antela no concello de Sandiás. Desde setembro de 2002 atópase xa operativa a pista de velocidade, de 1500 metros de longo por 20 de ancho. Nela realizáronse xa catro xornadas de carreiras, nas que se comprobou o seu excelente comportamento. Por dimensións e calidade pódese comparar coas mellores de España.


 Dispón duna ampla  bancada para público, con vestiarios e outros servicios, así como un picadeiro cuberto con pista de dimensións olímpicas.

Ademais da celebración das carreiras, o obxectivo principal do centro debe se-lo adestramento de cabalos de aptitude deportiva, en tódalas modalidades de competición. A oferta de instalacións deste tipo é hoxe practicamente inexistente en Galicia, e a situación de Antela (boas comunicacións e proximidade ó resto de España) é privilexiada para cabalos e profesionais que continuamente se desprazan a competicións de nivel nacional.

 

 


  top